O gas renovable obtido na Edar de Bens pode aforrar 6.600 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente ao que xeran 700 voos entre A Coruña e Madrid

29 de outubro de 2019. A depuradora de Bens acolleu a presentación dos resultados da Unidade Mixta de Gas Renovable, un proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens SA, a empresa pública que depura as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. O proxecto, que arrancou en 2017, conta coa financiación da Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e está cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

O acto asistiron o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López; o Director de Innovación de Naturgy, Jesús Chapado e o Director Xeral de Energy Lab, Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo, ademais do Director General de Edar Bens, Carlos Lamora, e representantes dos cinco Concellos que xestionan conxuntamente a empresa pública supramunicipal de depuración.

A Unidade Mixta é un proxecto piloto que xa fixo posible o funcionamento dun autobús de liña regular durante 100.000 quilómetros e que, na súa fase de desenvolvemento pleno, pode xerar suficiente biometano como para reducir 6.600 toneladas de CO2 ao ano con respecto ao gas natural, segundo explicou David Meana, de EnergyLab, responsable técnico do proxecto. Este volume de emisións equivale ao que xeran 700 voos de pasaxeiros entre Madrid e A Coruña. “Se pensamos na capacidade de produción das sete grandes depuradoras de augas residuais de Galicia (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Tui, Ferrol e Lugo) pódese chegar producir biometano suficiente para facer funcionar 250 autobuses ao ano, cubrir o consumo doméstico de 16.000 fogares galegos e reducir 44.000 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a 3.000 voos entre Madrid e A Coruña”, explicou Meana.

A Unidade Mixta, destacou Meana, fixo posible a implantación de dúas instalacións de purificación de biogás. “A primeira, pioneira a nivel nacional, trátase dunha planta de membranas, a segunda, das poucas no mundo, é capaz de transformar en metano o CO2 dunha corrente de biogás a través da metanación biolóxica”, sinalou. Grazas a estas tecnoloxías xérase unha corrente de Gas Renovable susceptible de ser usada como combustible alternativo en mobilidade ou para a súa inxección a rede de gas.

A principios do ano que ven, subliñou o responsable técnico da Unidade Mixta, instalarase o módulo de inxección a rede, que permitirá facer chegar gas renovable aos fogares de Galicia e colocar o proxecto como pioneiro a nivel nacional.

No acto participou o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, quen destacou que o maior éxito da Unidade Mixta, ademais de demostrar a capacidade de colaboración entre institucións públicas e a empresa privada en materia de innovación, fixo converter o proxecto “nunha realidade concreta que se pode transferir ao mercado e escalar a outras depuradoras xerando un impacto positivo sobre o tecido produtivo”. “Proxectos como este colocan a Galicia como referente no ámbito da transición enerxética e a economía circular”, agregou.

A colaboración entre administracións foi tamén subliñada pola concelleira responsable da Área de Medio Ambiente do Concello da Coruña, quen destacou “o compromiso do goberno municipal coa economía circular e a loita contra o cambio climático”.

Pola súa parte, o director de Innovación de Naturgy, Jesús Chapado, destacou a importancia que vai a ter o gas renovable como fonte de enerxía na transición cara a electrificación. “Este proxecto é un paradigma da economía circular porque obtense un gas renovable, redúcese o consumo de enerxía primaria, prodúcese unha  valorización e reprocesamento de residuos e avanzase  na descarbonización”, explicou.

O director xeral de EnergyLab, Juan I. Rodríguez Fernández-Arroyo, sinalou na súa  intervención que a xornada de hoxe nas instalacións de Edar Bens “non fixo o peche dun proxecto, senón un paso máis nas liñas prioritarias de traballo para a economía circular utilizando tecnoloxías de baixo coste, ademais dun modelo de colaboración público-privada”.

Tambén o director xeral de Edar Bens SA, Carlos Lamora, quixo agradecer “á Xunta de Galicia, a Naturgy y EnergyLab e aos cinco alcaldes -que se sentan no órgano de goberno de Edar Bens SA en nome dos 450.000 habitantes aos que se representan-  o seu apoio a este proxecto, que é un soño conseguido”.

2019-11-13T09:40:04+01:0029/10/2019|Actualidade|Comentarios desactivados en O gas renovable obtido na Edar de Bens pode aforrar 6.600 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente ao que xeran 700 voos entre A Coruña e Madrid