presentacion-edar-bens-conselleiro-1

Hoxe presentouse a segunda fase do proxecto de investigación Unidade Mixta Gas Renovable, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e desenvolvido por Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens.

A xornada de presentación da Unidade Mixta de Gas Renovable comezaba coa intervención de Esther Fontán, Concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade do Concello A Coruña, que resaltou que “desde a cidade da Coruña mostrámonos dispostos para ser pioneiros na recuperación e aproveitamento dos residuos, coa EDAR Bens SA, con Emalcsa e a planta de residuos de Nostián.”

A segunda intervención correu a cargo do Director Xeral de Xestión de Enerxía e Redes de Naturgy, Pedro Larrea, quen destacou “a crecente competitividade dos gases renovables, claves para a descarbonización da economía, e o papel que Naturgy quere xogar nesta decidida aposta. En 2050, todo o gas que circulará polas redes deberá ser de orixe renovable. Para conseguilo, Naturgy analiza xa hoxe proxectos de biometano e hidróxeno por valor de 4.000 millóns de euros.”

Pola súa banda, o Director de EDAR Bens S.A., Carlos Lamora, expuxo que os distintos proxectos de investigación que se están levando a cabo en Edar Bens SA “deixan clara a importancia de poñer en valor a xestión das augas residuais, xa que non só se centran no ámbito das enerxías renovables a través da Unidade Mixta de Gas Renovable, senón que abarcan outros aspectos clave como a protección ambiental ou a investigación biosanitaria, como o proxecto CovidBens”.

En representación de EnergyLab, Gerardo Rodríguez, Director Técnico do centro tecnolóxico, destacou “a competividad de EnergyLab no ámbito dos biocombustibles gaseosos e no biogás, biometano e hidróxeno renovable en particular; con talento en forma de recursos humanos preparados para levar a cabo de maneira exitosa a xeración de coñecemento e a súa aplicación real en forma de pilotos demostrativos pioneiros como é o caso dos desenvolvidos no marco da anterior fase desta Unidade Mixta.”

presentacion-edar-bens-conselleira-2-1

Para pechar as intervencións institucionais, o Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou o traballo que se está realizando desde 2016 ao redor desta Unidade Mixta de Investigación e explicou que “a nova fase de consolidación vai supoñer un cambio de modelo enerxético para A Coruña que se pode extrapolar ao resto de Galicia. De feito, avanzarase nas posibilidades de uso dos gases renovables coa súa inxección á rede.” Subliñou, ademais, que “permitirá implantar na Comunidade un modelo de economía circular no que os residuos xerados transformaranse en recursos enerxéticos”. Neste sentido, lembrou que “o hidróxeno verde –cuxo estudo se incluirá na nova fase– é unha das pedras angulares da candidatura galega para captar fondos Next Generation”.

A presentación técnica correu a cargo de David Meana, Responsable da área de Movilidad e Infraestruturas de EnergyLab, e John Chamberlain, Responsable de Proxectos de Innovación de Hidróxeno de Naturgy, que incidiron na importancia dos proxectos de innovación industrial no desenvolvemento de novas solucións de biometano e hidróxeno.

Para finalizar a xornada, EDAR Bens S.A. ofreceu aos asistentes unha visita guiada polas súas instalacións, mostrando ás autoridades e aos medios onde están situados as plantas implementadas na anterior fase do proxecto, a planta de purificación baseada en membranas e a planta de metanación biolóxica, pioneira en España.

Sobre a Consolidación da Unidade Mixta Gas Renovable

A Unidade Mixta de Gas Renovable é un proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e EDAR Bens, empresa pública supramunicipal que presta o servizo de depuración de augas residuais nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

O proxecto comezou en 2016 e a actual fase de consolidación, que iniciou a súa actividade en agosto do 2020, abarcará tres anos de desenvolvemento.

A Unidade Mixta conta co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, aliñándose cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, dentro do OT1 “Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación” e ao amparo da convocatoria “Axuda á creación, posta en marcha e consolidación da unidade mixta de investigación” cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación – Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.

Nesta nova fase completarase o traballo realizado ata o de agora na Unidade Mixta de investigación do biogás e o biometano, que conseguiu resultados notables como a posta en marcha na depuradora de Bens dunha planta de purificación baseada en membranas e da primeira planta de metanación biolóxica en España. O biometano xerado nestes proxectos piloto xa se está usando como combustible alternativo na frota de furgonetas de Edar Bens e nun autobús metropolitano adaptado.

Pero nesta nova segunda fase, que durará ata 2023 e que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, ademais, vai apostar pola investigación doutros gases renovables como o hidróxeno verde e o bio- syngas, o que permitirá avaliar o seu impacto nas infraestruturas actuais e consumidores finais.

Dentro do proxecto desenvolveranse cinco novas liñas de investigación:

Mellora na produción de biogás a través da co-dixestión e a recuperación de nutrientes.

• Xeración de hidróxeno verde: Grazas ao aproveitamento enerxético do caudal de auga depurada, que será turbinada, xerarase hidróxeno a través da electrólise da auga.

• Produción de biohidrógeno: A través da fermentación escura, proceso biolóxico (etapas iniciais da dixestión anaerobia) mediante o que se xera hidróxeno a partir da degradación da materia orgánica.

• Gasificación de lodos de depuradora para a obtención de bio- syngas ( biogás de síntese).

• Estudo do impacto do uso dos diferentes gases renovables e as súas mesturas, desde o punto de vista da inxección á rede de gas e o seu uso en aplicacións estacionarias e móbiles (vehículos).

Con isto, a Unidade Mixta de Gas Renovable busca de novo aliñarse coas diferentes políticas europeas dirixidas a alcanzar un crecemento económico baixo tres premisas fundamentais: crecemento intelixente (a través do desenvolvemento dos coñecementos e da innovación); crecemento sostible (baseado nunha economía máis verde, máis eficaz na xestión dos recursos e máis competitiva) e crecemento integrador (integrador, orientado a reforzar o emprego, a cohesión social e territorial).