Colexios, institutos, asociacións e particulares poderán solicitalas a partir do 15 de setembro na web

maristas-edar-bens-5

Visita do colexio Maristas, 2019

Edar Bens SA volverá abrir as súas portas aos escolares e veciños da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros o curso que vén retomando o seu programa de visitas ás instalacións da depuradora de Bens.

Tras máis dun ano de parón como consecuencia da pandemia, o proxecto divulgativo polo que pasaron xa máis de 3.800 persoas volverá acoller nas instalacións de Bens a todos aqueles interesados en coñecer a importancia do sistema de depuración de augas da cidade e a súa área metropolitana, un elemento crave para preservar a contorna natural, e aprender sobre as boas prácticas que os usuarios da rede sanitaria poden realizar nas súas casas para contribuír ao seu bo funcionamento.

Ademais, o programa de visitas 2021-2022 arrincará cun formato novo no que terá cabida o importante labor que desenvolveu Edar Bens SA durante a pandemia a través do proxecto CovidBens, que rastrexa a presenza do virus nas augas residuais para ter información fidedigna sobre o número de persoas infectadas e funcionar como un sistema de alerta temperá.

Así mesmo, ampliarase a sección do programa que recolle outras iniciativas de I+d+i que se desenvolven na planta, como a utilización do biometano que se produce durante o proceso de depuración de augas.

Os interesados poderán solicitar as visitas no formulario que atoparán no apartado correspondente desta web.