Edar Bens SA pon en marcha un proxecto de detección e análise do virus COVID-19 nas augas residuais e lodos de depuración

Edar Bens SA pone en marcha un proyecto de detección y análisis del virus causante del COVID-19 en las aguas residuales y lodos de depuración

A empresa pública Edar Bens SA, que depura as augas residuais urbanas de A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, vai  poñer en marcha un proxecto de investigación para coñecer o grado de incidencia na poboación do SARS-Cov-2, causante da pandemia do COVID-19, mediante a análise da carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora de Bens.

“Este proxecto vai permitir medir a concentración do virus nas feces e urina da poboación da Coruña e a súa contorna. Os datos que obteñamos poden ser válidos para saber cantos cidadáns están infectados, aínda que non se lle realizasen tests ou pasaran o COVID-19 sen síntomas”, sinala Carlos Lamora, director xeral de Edar Bens SA. “Ademais, se mantemos a toma de mostras no tempo poderemos estar alerta ante posibles rebrotes do virus no futuro”, agrega Lamora.

A responsable do proxecto será a Dra. Margarita Poza Domínguez, profesora asociada da UDC Investigadora Sénior do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), coordinado polo Dr. Germán Bou. En opinión da doutora Poza o estudio “non só permitirá monitorizar o estado da epidemia na nosa rexión, senón que servirá tamén para facer estudos sobre organismos multirresistentes e de metaxenómica”.

O estudo, no que Edar Bens SA investirá 50.000 euros, desenvolverase durante seis meses nos que o persoal de Edar Bens SA tomará mostras de augas residuais e lodos nos municipios aos que presta servizo. As mostras tomaranse en diferentes zonas ou áreas atendendo a parámetros como a densidade de poboación ou o perfil da mesma, como por exemplo poboacións xuvenís fronte a poboacións envellecidas. Ás instalacións de Bens chegan as augas residuais de catro centros hospitalarios da área sanitaria coruñesa que actualmente acollen persoas infectadas co SARS-CoV2: o CHUAC, o Hospital Modelo, o Quirón e o San Rafael.

Tendo en conta que a maioría da poboación asintomática que teña o virus non vai ser detectada mediante tests, os datos obtidos das augas residuais poden ofrecer indicadores fiables da realidade epidemiolóxica do conxunto da poboación. Esta monitorización servirá tamén para predicir posibles brotes futuros e facer comparativas entre distintas poboacións, zonas ou áreas xeográficas concretas.

Ademais, este estudo poderá dar pistas sobre como se pode mellorar o tratamento  das augas residuais co fin de reter a maior cantidade de partículas virais nos seus lodos de decantación antes de vertelas ao mar unha vez depuradas. Iso permitirá que as augas que sexan devoltas ao medio leven a menor carga viral posible e se evite a propagación ambiental do virus. Por todo iso, o proxecto ten un marcado carácter epidemiolóxico, pero tamén ecolóxico.

A toma de mostras levarase a cabo nas instalacións de Edar Bens SA por parte de persoal técnico da empresa e o seu tratamento realizarase coa colaboración do grupo BIOENGIN de Bioenxeñería Ambiental e Control de Calidade da Universidade da Coruña – Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e de Rubén Reif, Técnico de Proxectos e Innovación do CICA. Na análises intervirán expertos do Grupo de Microbioloxía do INIBIC, do Servizo de Microbioloxía do CHUAC; do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) da UDC e investigadores do Grupo de Microbioloxía da UDC e da Universidade de Viena.

“Con este proxecto, Edar Bens SA prosigue coa súa labor de promoción da investigación e o coñecemento como panca para variar o sistema económico dunha sociedade, á vez que presta o servizo esencial de tratamento das augas residuais das máis de 450.000 persoas que viven en A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros”, sinala Lamora, quen destacou o gran traballo que están levando a cabo estes días todos os operarios das distintas instalacións da empresa.

 

Máis información:

Investigan en A Coruña cómo detectar el virus causante del COVID-19 en aguas residuales (COPE)

Edar Bens impulsa un proyecto para detectar y analizar el virus causante del COVID-19 en las aguas residuales (La voz de Galicia)

Edar Bens promueve una investigación sobre la carga viral del COVID-19 en aguas residuales y lodos (Europa Press)

La depuradora de A Coruña lanza un proyecto para detectar COVID-19 en aguas residuales (Quincemil)

Edar Bens promueve una investigación sobre la carga viral en aguas residuales y lodos (La Vanguardia)

Programa radiofónico, “Mas de uno A Coruña”: Conocimos una investigación sobre el Covid 19 en la EDAR de Bens, la estación depuradora del área coruñesa ( Onda Cero)

Las aguas residuales pueden ser la respuesta para anticipar rebrotes de la pandemia (ABC)

La EDAR de Bens estudiará las aguas residuales para detectar el virus (El Correo Gallego)

Depuradora y Universidad investigan la huella del coronavirus en aguas residuales (La Opinón A Coruña)

2020-04-16T19:21:55+01:0014/04/2020|Actualidade|Comentarios desactivados en Edar Bens SA pon en marcha un proxecto de detección e análise do virus COVID-19 nas augas residuais e lodos de depuración