Un equipo de investigadores da Escola de Camiños lidera un proxecto que involucra a sete países europeos

A Coruña, 19 de abril de 2021.- Un equipo de investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña coordina o proxecto europeo Co-UDlabs – Building Collaborative Urban Drainage research labs communities. O profesor da UDC José Anta é o investigador principal deste proxecto internacional que integra socios de sete países e 17 instalacións singulares, que nos vindeiros meses estudarán os principais problemas relacionados cos sistemas de saneamento e drenaxe urbana.

O proxecto está financiado polo Programa H2020 da Unión Europea con cinco millóns de euros, dos que preto dun millón lle corresponden á Universidade da Coruña.

Os sistemas de saneamento e drenaxe son infraestruturas esenciais nas cidades xa que permiten transportar e tratar as augas residuais e pluviais dun modo seguro, evitando as inundacións e asegurando a calidade do medio ambiente. Con todo, moitos sistemas de drenaxe están en perigo e a súa funcionalidade pode reducirse debido á crecente impermeabilización das concas de drenaxe naturais, o envellecemento das redes, os cambios nos patróns de choiva producidos pola crise climática ou polas ameazas para a saúde pública e o medio natural orixinados polos novos contaminantes vertidos durante as choivas máis intensas.

O proxecto reúne 17 instalacións experimentais únicas a nivel internacional, entre as que se encontran laboratorios do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC, coas que grupos formados por membros da comunidade científica, o sector industrial e das administracións da auga urbana, poderán desenvolver novos traballos punteiros que permitirán deseñar novas estratexias para reducir a contaminación vertida aos ríos e mares, reducir o risco das inundacións, ou estudar o envellecemento das redes expondo novas alternativas para a súa reparación. No proxecto empregaranse tecnoloxías de intelixencia artificial (IA), da Internet das cousas (IoT), que permitirán a dixitalización do sector da drenaxe e analizaranse as novas solucións de drenaxe sustentable que favorecerán o desenvolvemento de cidades máis verdes e amigables para os cidadáns.

Durante o desenvolvemento do proxecto os investigadores terán acceso ás instalacións desta rede de laboratorios singulares, favorecendo a cooperación a escala europea dos principais axentes do sector da drenaxe urbana. Desde a UDC ofrecerase o acceso aos dous grandes simuladores do CITEEC e á plataforma de ensaios con auga residual da EDAR de  Bens, operada a través dun acordo de colaboración entre a UDC, a empresa metropolitana EDAR BENS e a empresa municipal de augas EMALCSA. O traballo que se desenvolverá nestas instalacións permitirá analizar e desenvolver novas tecnoloxías para mellorar a  resiliencia das cidades ante o cambio climático, implantar novas solucións de drenaxe baseadas na natureza ou reducir os efectos da contaminación orixinada nas nosas cidades.

O consorcio Co-UDlabs está formado por catro universidades, ademais da UDC que lidera, participa a Universidade de Sheffield (Reino Unido), INSA Lyon (Francia) e a Universidade de Aalborg (Dinamarca), todas con grupos de investigación de nivel mundial de auga urbana, combinados con tres institutos nacionais de investigación líderes no seu sector (Deltares (Países Baixos), EAWAG (Suiza) e IKT (Alemaña). O consorcio tamén inclúe a GRAIE, unha organización sen fins de lucro con probada capacidade para crear asociacións entre a industria, os servizos de auga, os responsables políticos e os investigadores das institucións públicas, e a peme multisectorial especializada EURONOVIA.