A alcaldesa da Coruña e presidenta de Edar Bens, Inés Rey, firmou un convenio de colaboración con Augas de Galicia que ampliará as tarefas que actualmente realiza CovidBens co fin de secuenciar a Covid-19 nas augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para detectar mutacións.

Inés Rey sinalou que grazas ao proxecto CovidBens podémonos anticipar aos gromos dúas semanas antes que os datos clínicos e valorou como “un grande avance” este novo paso na investigación, denominado seqCovidBens, “grazas ao cal seguiremos máis de preto as mutacións do virus que proliferan nos últimos días”.

Con este novo convenio de colaboración, agora poderase determinar a abundancia relativa das diferentes cepas do virus na poboación da área metropolitana da Coruña ao longo do tempo. Isto permitirá detectar e cuantificar aquelas variantes mutantes do SARS-CoV-2 maioritarias en cada momento e establecer un sistema de vixilancia epidemiolóxico baseados nas augas residuais que lle permita ao sistema sanitario valorar os retos aos que se enfronta en cada momento. Ademais, este sistema será válido para calquera tipo de mostra de augas residuais e, polo tanto, poderase estender a todo o territorio que se desexe.

O proxecto CovidBens monitora a carga viral nas augas residuais da área metropolitana da Coruña desde abril de 2020. Esta análise permite anticipar até 18 días a aparición de gromos e é de enorme utilidade para que as autoridades sanitarias poidan dar unha resposta rápida axeitada. A partir da cantidade de material xenético do virus presente na auga residual, CovidBens pode estimar o número de persoas totais infectadas na poboación, xa sexan sintomáticas ou asintomáticas, empregando modelos estatísticos.

O equipo CovidBens está formado por investigadores/as da Universidade da Coruña (UDC), CITIC, CITEEC e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (CHUAC- INIBIC) de diferentes disciplinas, así como por profesionais de Edar Bens. A nova liña denominada seqCovidBens estará coordinada pola Dra. Margarita Poza,  microbióloga investigadora do INIBIC e profesora da UDC e o Dr. Juan Vallejo,  microbiólogo do INIBIC-UDC. O Dr. Ricardo Cao dirixirá o equipo de estatísticos/as e a Dra. Susana Ladra o equipo de enxeñeiros/as informáticos. CovidBens está integrado no proxecto Epicovigal, formado por once grupos do SERGAS e tres universidades galegas e que dirixe o catedrático David Pousada.