O 4th Town Hall Meeting Designing the EU Sewer Sentinel System for SARS-CoV-2 definirá os próximos pasos da UE neste ámbito fundamental para a loita contra a pandemia.

A doutora Margarita Poza, responsable do proxecto CovidBens, que rastrexa o virus da COVID-19 nas augas residuais da Coruña e a súa área metropolitana, presentou o pasado día 22 de Marzo os seus resultados no 4th Town Hall Meeting Designing the EU Sewer Sentinel System for SARS-CoV-2 (EUS4) organizado pola Comisión Europea.

Na súa recente comunicación “A common path to safe and sustained re-opening”, a Comisión Europea subliñou a necesidade de realizar un seguimento do virus e as súas variantes en augas residuais e pediu aos estados membros que garantan que os datos sobre a propagación do virus e as súas variantes facilítanse con prontitud ás autoridades sanitarias competentes.

A doutora Poza presentou o traballo que se leva facendo na Coruña desde abril de 2020 e destacou os éxitos acadados en canto o sistema de alerta temperá e predición de novas olas epidémicas, así como a modelización estatística de CovidBens e a estimación do número de portadores, o seguimento da invasión da variante B117, o progreso da vacunación, o rastrexo en concellos e residencias de maiores e a secuenciación dos xenomas do virus para determinar a presencia de posibles variantes.

Nesta reunión científica sobre o rastrexo en augas residuais, na que CovidBens puxo en común as valiosas experiencias obtidas, axudará a pór en marcha os próximos pasos previstos na UE, entre eles a construcción dunha plataforma de datos dixitais para a colaboración, a recopilación de información e o apoio para a toma de decisións.

CovidBens está financiado pola empresa pública Edar Bens SA, responsable do tratamento das augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. O equipo está composto por microbiólogos, enxeñeiros informáticos, químicos, estatísticos e enxeñeiros de camiños do INIBIC, UDC, CHUAC, CITIC, CITEEC e EDAR Bens.