A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apuntou hoxe que os datos do estudo CovidBens, proxecto de investigación consistente en analizar a carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora de Bens para coñecer a evolución real da pandemia, son “moi preocupantes” polo que instou á cidadanía a evitar os contactos sociais e restrinxilos só aos conviventes. Apunta que, segundo este informe que estima o número de portadores do coronavirus (sintomáticos e asintomáticos) nos concellos que verten as súas augas residuais á Edar Bens (Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo e A Coruña), existen a día de hoxe 7.600 portadores do virus.

“O incremento dos contaxios é moi preocupante e grazas a este proxecto podemos anticiparnos aos brotes dúas semanas antes que os datos clínicos, atendendo á información que se desprende das augas residuais”, asegura Rey.

CovidBens tamén funciona como sistema de alerta temperá, de tal forma que pode adiantarse ata dúas semanas con respecto aos datos sanitarios, servindo como centinela para detectar un brote, explicou a alcaldesa e presidenta do Consello de Edar Bens.

O proxecto CovidBens, que se realiza desde abril de 2020,  ocúpase de coñecer a evolución da epìdemia e de determinar o número de persoas portadoras do coronavirus SARS-Cov-2 no área metropolitana da Coruña, cuxos case 400.000 habitantes verten as súas augas residuais á depuradora de Bens, considerando que todas as persoas infectadas, teña ou non síntomas, excretan virus nas súas heces.

Para isto,  empréganse unha serie de modelos estatísticos que permiten estimar o número de portadores a partir da carga viral (número de copias de ARN do virus por litro) presente no auga.

Cada semana actualizarán na web de Edar Bens os seguintes parámetros:

  • Evolución da carga viral nas augas residuais dos cinco concellos aos que presta servicio Edar Bens. Esta evolución permite determinar o número de persoas portadoras do coronavirus SARS-CoV-2 no área metropolitana da Coruña, considerando que todas as persoas infectadas, teñan ou non síntomas, excretan virus nas súas heces.
  • Evolución do número de portadores estimados a partir da carga viral (número de copias de ARN do virus por litro) presente no auga residual. Esta curva obtense mediante o modelo matemático deseñado polos invesitgadores do proxecto CovidBens.
  • Evolución da carga viral nas augas residuais de cinco zonas correspondentes aos Concellos onde presta o seu servizo Edar Bens. Estas mostras non corresponden coa perfecta delimitación xeográfica dos termos municipais, xa que por motivos hidráulicos poden haber zonas pertencentes a un concellos que non se recollan, ou outras que vertan ao municipio colindante e non ao seu.

Consulta os últimos datos do estudo