A Unidade Mixta de Gas Renovable de Edar Bens SA preséntase como caso de éxito no cume do clima de Madrid

A empresa pública Edar Bens SA, que trata as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros estivo hoxe presente na COP25, o vixésimo quinto cume que reúne aos países asinantes da Convención Marco de Nacións Unidas contra o Cambio Climático e que se celebra esta semana en Madrid. As instalacións da depuradora de Bens acollen unha Unidade Mixta de Gas Renovable, un proxecto piloto conxunto de Edar Bens SA, Naturgy e EnergyLab co apoio da Xunta de Galicia, que se expuxo como caso de éxito de economía circular no Espazo Innovación.

A Unidade Mixta consegue xerar biometano a partir do biogás que se produce no proceso de depuración de augas residuais, para facer posible o seu uso como combustible renovable e libre de emisións de gases de efecto invernadoiro. Para iso, utilízase unha planta de upgrading de membranas e outra de bacterias hidroxenotroficas, a única que existe en España con esta tecnoloxía. O biometano xerado utilizase en mobilidade sostible e para a súa inxección na rede comercial de gas natural, estando deste modo a disposición do sector industrial e doméstico.

O proxecto xa fixo posible o funcionamento dun autobús de liña regular durante 100.000 quilómetros e, na súa fase de desenvolvemento pleno, pode xerar suficiente biometano como para reducir 6.600 toneladas de CO2 ao ano con respecto ao gas natural.

A Unidade Mixta de Gas Renovable é un proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens SA, conta coa financiación da Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e está cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

2019-12-04T19:05:08+01:0003/12/2019|Actualidade|Comentarios desactivados en A Unidade Mixta de Gas Renovable de Edar Bens SA preséntase como caso de éxito no cume do clima de Madrid