Uso responsable da auga

A Edar de Bens está preparada para limpar da auga os residuos procedentes do uso humano: necesidades fisiolóxicas, xabóns e deterxentes do fogar, restos de comida, etc… Unha vez depurada, a auga pode volver ao mar a través do emisario de Bens en condicións idóneas que respectan o equilibrio ecolóxico e a fauna mariña das nosas costas, unha riqueza chave para a economía coruñesa.

Non obstante, a auga que chega á Edar leva tamén outros residuos: cabichas, preservativos, plásticos, compresas, fibras e moitos outros elementos non biodegradables que os usuarios tiramos aos inodoros e os desaugadoiros. Estes materiais non só poden obstruír as canalizacións das nosas casas, senón que en ocasións acumúlanse e forman o que se coñece como “ovellas”, grandes nobelos de residuos que chegan ata a depuradora.

Outro problema é a vertedura á rede de aceites usados, tanto nas casas como en industrias. Esta mala práctica nos fogares pode chegar a crear bloqueos na rede de sumidoiros, como aconteceu recentemente en Kingston, preto de Londres, onde un fatberg (xigantesca bóla de graxa e residuos) bloqueou durante días as cloacas da localidade.

Todos nós podemos contribuír á protección do medio, ao mellor funcionamento dos servizos públicos e ao aforro de auga e enerxía cumprindo unhas sinxelas normas de uso responsable da rede sanitaria.

SONY DSC

Na casa

  • Evita verter á rede sanitaria residuos sólidos non biodegradables como cabichas, compresas, tampóns e toalliñas hixiénicas, preservativos, tiras adhesivas, vendas e gasas, restos de fíos ou tea… Non utilices o inodoro como unha papeleira: aforrarás auga e contribuirás a un mellor funcionamento dos servizos públicos.
  • Tampouco utilices o inodoro ou o lavabo para desfacerte do aceite usado na cociña. Gárdao nun colector axeitado e para desbotalo busca o punto limpo municipal máis próximo. Tamén hai supermercados e outras entidades colaboradoras que teñen puntos de recollida de aceite para reciclalo.

Na rúa

  • Non tires ao chan vasos ou botellas de plástico, palliñas, envoltorios… O máis seguro é que a choiva os arrastre á rede sanitaria e acaben formando parte dunha “ovella”.

Nas industrias

  • Utiliza os procedementos axeitados para desfacerte de produtos potencialmente perigosos, como pinturas, disolventes, lubricantes para maquinaria, anticonxelantes, produtos químicos de limpeza, pesticidas, etc… Infórmate dos procedementos que pon á túa disposición o teu concello para desbotalos.