Unidade Mixta de Gas Renovable

A Axencia Galega da Innovación (GAIN) publica o 21 de xullo de 2016 a convocatoria para a creación, posta en marcha e consolidación de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dentro do eixe 1 «Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación».

Con esta liña de actuación preténdese incrementar o número de unidades mixtas en Galicia mediante convocatorias específicas de apoio á súa creación, posta en marcha e impulso das xa existentes, con vistas a conseguir os seguintes obxectivos:

  • Configurar grupos mixtos de traballo entre organismos de investigación e empresas que se convertan en catalizadores do desenvolvemento de liñas de I+D+i.
  • Desenvolver proxectos de alto impacto intensivos en coñecemento.
  • Posta en valor dos grupos de investigación.
  • Aproximar os organismos de investigación á empresa.
  • Atraer a Galicia liñas de I+D+i.
  • Incentivar a transferencia de resultados da I+D+i ao mercado.

Estas axudas están en consonancia cos retos estratéxicos contidos na RIS3 Galicia e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación Horizonte 2020 co fin de procurar, a medio e longo prazo, a obtención de retornos sociais.

Neste sentido, o 14 de decembro de 2016, a Axencia Galega de Innovación aprobou un proxecto conxunto de Gas Natural Fenosa S.D.G, Gas Natural Fenosa Engineering e EnergyLab para poñer en marcha unha nova Unidade Mixta de Gas Renovable nas instalacións da empresa pública supramunicipal Edar Bens SA, que ten encomendado o servizo de depuración de augas residuais dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

O proxecto investigará os procesos de produción de biometano (Gas Renovable) no sector das EDAR urbanas e EDAR de industrias alimentarias, así como as posibilidades da súa inxección á rede, as súas aplicacións en mobilidade urbana e a recuperación enerxética a través do aproveitamento térmico das perdas xeradas na combustión do biogás.

EnergyLab, Gas Natural Fenosa S.D.G. e Gas Natural Fenosa Engineering traballarán ata o ano 2019 nas plantas piloto situadas na depuradora de Bens. A Unidade Mixta permitirá avanzar no desenvolvemento da bioeconomía e economía circular no sector do tratamento de residuos, poñendo a Galicia como unha rexión europea de referencia na produción, optimización, metanización e aplicación do Gas Natural Renovable como novo vector enerxético.

Os obxectivos específicos do proxecto, tanto técnicos como de I+D+i, son:

  • Mellorar a produción de biogás.
  • Mellorar a produción de biometano (purificación do biogás).
  • Definición, optimización e implementación da inxección á rede.
  • Análise, optimización e validación do uso de biogás e biometano como combustible (dedicado e dual) na flota urbana (utilitario/furgoneta, camión, autobús).
  • Incremento da eficiencia do uso de biogás e biometano mediante sistemas de recuperación de calor (ORC, microcoxeración).